top of page
Search

A pesca da sardiña será a protagonista no XI Víndemo Ver

Updated: Mar 5

Un mes para a celebración da XI Mostra de Promoción Local Víndemo Ver-Mercado da Deputación.


Hai un par de anos que o Concello de Carnota aposta pola tematización do Víndemo Ver, recuperando parte da historia do municipio. Aquel primeiro ano o evento xirou ó redor das leiteiras que ían vender o leite a Muros; a seguinte edición tiña como tema principal o millo e neste 2024 a pesca e o procesamento da sardiña serán os protagonistas.


Os días 28, 29, 30 e 31 de marzo a praza de San Gregorio de Carnota acollerá unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores e creadoras locais dentro do “Mercado da Deputación”. Ademais destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.


Coma en edicións anteriores, a mostra compleméntase cunha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e recreativas para todos os públicos.


O evento dará comezo o xoves 28 ás 17:00 h co acto de inauguración e a charla-coloquio con Santiago LLovo "A salga en Carnota" no salón de plenos do Concello.


O venres 29 de marzo será a XI BTT, con saída ás 09:30 h dende o pavillón de Carnota e con dous percorridos, un longo e outro curto. As inscricións permanecerán abertas ata o 26 de marzo en cronotec.es .


Nesa mesma mañá, en paralelo á BTT, organizarase unha xincana para a rapazada, coas súas propias bicicletas, no pavillón de Carnota, de 11:00 a 13:00. Para esta última actividade non é necesaria a inscrición previa. As idades recomendadas para participar son de 5 a 12 anos e será obrigatorio o uso do casco.


Como xa vén sendo habitual, a programación inclúe unha andaina temática. A ruta elixida este ano é “Andar ao mar”, que transcorre dende o faro de Lariño ata Carnota, cun percorrido lineal de arredor de 15 km. Será o sábado 30 de marzo e a saída terá lugar ás 09:30 h, dende a praza San Gregorio de Carnota. O traslado ata o punto de inicio da ruta realizarase en bus e no transcurso da camiñada poderanse ver distintos exemplares da arquitectura popular vinculada á pesca e o procesamento da sardiña no século XX, como os restos de antigas fábricas de salgadura e algunha que outra sorpresa. As inscricións poderán realizarse en carnota.gal ata o 26 de marzo de 2024.


Haberá, ademais, innumerables actividades lúdicas para a rapazada, como xogos tradicionais, obradoiros de cestería, xogos da pesca da sardiña, etc. Tamén haberá actuacións culturais e música tradicional para amenizar o ambiente, a cargo das bandas de gaitas Longarela e Ximiela e da Agrupación Musical Chan das Lamas.


E para amenizar as noites haberá concertos. O xoves 28, ás 22:00 h, actuará Chiña no posto de So’Nos e ás 23:30 h, Juan do Tractor no posto de Ximiela. O venres 29 ás 10:00 haberá un concerto de rumba e samba do grupo local Ghachi Ki e ás 23:00 h concerto de Los Lunes al Sol, con versións dos anos 80, 90 e da actualidade. A última noite de concertos será o sábado 30, con Xur ás 22:00 h, e The Rapants ás 23:00 h.


Durante os catro días, poderase visitar na carpa grande, no posto do Concello de Carnota – Deputación da Coruña a exposición “Andar ao mar en Carnota”.





0 comments

Comments


bottom of page