
Coincidindo co 59 aniversario do naufraxio da fragata da Armada Española “Ariete”, o próximo 25 de febreiro, o buque multipropósito A61 “Carnota” atracará no porto de Brens.
Ese mesmo día está prevista unha xornada de portas abertas para o público en xeral co fin de que os veciños de Carnota e comarca poidan realizar unha visita ao interior do buque A61 Carnota no seguinte horario: de 15:30 a 18:00 h.
Durante a xornada matutina está prevista tamén a visita do alumnado dos CEIPs de Carnota e O Pindo e do IES Lamas de Castelo.
A visita oficial terá lugar en horario de 12:15 a 15:00 h. e asistirán as autoridades con invitación previa.
O buque leva por nome “Carnota” grazas a iniciativa de Francisco Vilabrille Caamaño, veciño de Carnota e membro do Corpo Nacional de Policía, que en 2021 presentaba a proposta de darlle o nome de “Carnota” ao buque baseada e documentada nos acontecementos pasados. Dita proposta formalizouse a través do Concello de Carnota e afortunadamente a Armada Española tívoa en consideración.
Dende a fatídica xornada do 25 de febreiro de 1966, na que a fragata “Ariete” (D-36) embarrancou nas costas de Galicia, o municipio de Carnota mantén un vínculo moi especial coa Armada. Sen apreciar o alto risco que supoñía e en medio dun bravo temporal, os habitantes desta vila arriscaron as súas vidas para salvar a totalidade da dotación da fragata, 168 homes, cos escasos medios dos que dispoñían.
En recoñecemento ao seu valor e ao servizo prestado, concedéuselle, no seu día, ao Concello de Carnota o título de Moi Humanitario, honor do que hoxe en día se fai galano seu escudo e é motivo de orgullo para gran parte da súa poboación.
A día de hoxe o buque que leva por nome A61 Carnota, presta servizo na Armada como buque multipropósito levando a cabo misións de remolque, vixilancia marítima, transporte loxístico, apoio a outros buques e reabastecemento vertical.
A Armada adquiriu outro buque de similares características, o A62 Cartagena, tendo previsto a compra de dous máis nun futuro próximo, bautizando a serie destes buques como serie Carnota, en honor a este primeiro.
Comments