Volve a feira por excelencia de Carnota. Este ano celebrarase a IX Mostra de Promoción Local Víndemo Ver, os días 15, 16 e 17 de abril.
Despois de dous anos de ausencia por mor da COVID, en Semana Santa, a praza de San Gregorio de Carnota acollerá novamente unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores locais dentro do “Mercado da Deputación“.
Ademais destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.
O evento contará tamén cunha ampla oferta de actividades paralelas como:
A XIX BTT. Os montes de Carnota acollerán un ano máis esta gran proba deportiva. Será o venres 15 de abril e a saída farase ás 09:30 dende a Casa do Concello. Haberá 2 percorridos, unha ruta curta de aproximadamente 30km e outra de 50km. As inscricións xa están abertas en www.galitiming.com. Nesa mesma mañán e paralela a BTT, organizarase unha xincana para a rapazada coas súas propias bicicletas. Será diante do Concello, de 11:00 a 13:00h, e non é necesaria inscrición previa (idades recomendadas de 5 a 12 anos e obrigatorio o uso do casco).
A III Andaina Víndemo Ver – A Ruta das Leiteiras. O sábado 16 ás 09:30 daremos a saída dende a porta da Casa do Concello. Nela recrearemos parte do camiño que as nosas ancestras facían para ir vender o leite á Vila de Muros. Será unha ruta circular de aproximadamente 10km. As inscricións faranse en www.galitiming.com
Actividades lúdicas para a rapazada de maxia, xogos tradicionais e busca do tesouro.
Actuacións culturais (música tradicional amenizando o ambiente, presentacións do libro “O Mergullador Atlántico” de Fernando Patricio Cortizo, etc) e para amenizar as noites haberá música e teatro. O venres 15, Quico Cadaval e Celso Sanmartín presentarán o espectáculo “Contos de vellas” e para rematar, un concerto de Pablo Balseiro. E o sábado 16, temos noite de concertos con “De Vacas” e “A Banda de Balbina”.
Este ano, como novidade, a feira estará ambientada nos comezos do século XX. A praza de San Gregorio converterase no escenario dun mercado de principios do século pasado. Para contribuír recrear este ambiente, convidámosvos a acudir caracterizados para a ocasión!
Comments