top of page
Search

Histórico día de portas abertas a bordo do buque multipropósito “A 61 Carnota”

Hoxe, martes 25 de febreiro, coincidindo co 59 aniversario do naufraxio da fragata da Armada Española “Ariete”, o buque multipropósito “Carnota” permanecía atracado no porto de Brens, en un emotivo día cargado de actividades e conmemoracións.


Os veciños e veciñas de Carnota e comarca tiveron a oportunidade de visitar o interior do buque “A 61 Carnota” e coñecer as múltiples misións que realiza, entre elas as de remolque, vixilancia marítima, transporte loxístico, apoio a outros buques e reabastecemento vertical.


Durante a mañá, realizáronse visitas guiadas polo interior do buque cos estudantes dos CEIPs de Carnota e O Pindo e do IES Lamas de Castelo. Foi unha experiencia educativa e memorable para o alumnado, que ademais de visitar o interior do buque, coñeceron a historia do naufraxio do Ariete así como a importancia e conexión, que dende fai máis de medio século, mantén Carnota ca Armada Española.


A visita oficial daba comezo ás 12:15 h. A ela asistiron: María Rivas, subdelegada do goberno, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, a tenente de alcalde de Carnota, Merche Noceda e o concelleiro Juan Pérez, Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, Raúl González, alcalde de Dumbría, Francisco Javier Domínguez, alcalde de Corcubión. Tamén, asistiu a policía local de Carnota. Antigos veteranos sobreviventes da fragata Ariete tampouco faltaron á cita e como non podía ser doutra maneira, fixo acto de presencia, Francisco Vilabrille Caamaño, veciño de Carnota e membro do Corpo Nacional de Policía, que foi a persoa que tivo a iniciativa de nomear a dito buque co nome de Carnota, como homenaxe a esta historia entre Carnota e a Armada Española.


As autoridades invitadas recorreron o interior do buque acompañados pola tripulación e escoitaron o testimonio de dous dos superviventes do naufraxio do Ariete que fixeron especial mención aos/ás valentes habitantes de Lira, Lariño e Carnota que, en 1966, arriscaron as súas vidas para salvar a dos 168 homes da fragata “Ariete” no medio dun bravo temporal, acción que foi recoñecida co título de Moi Humanitario e que figura no escudo do Concello.


O alcalde de Carnota aproveitou a ocasión para entregar ao comandante Fernando Mariño una imaxe da Virxe dos Remedios para levar no buque A61 Carnota como símbolo de protección. Tamén obsequiou a Francisco Vilabrille, quen ideou este homenaxe no seu día, cunha peza de cerámica de Carnota.


O comandante Mariño tamén fixo entrega dunha placa co escudo do buque A61 Carnota con motivo desta primeira visita.


Pola tarde, dende ás 15:30 ata ás 18:00 h., tivo lugar a xornada de portas abertas para o público en xeral na que houbo unha gran afluencia de persoas.


A visita do A61 Carnota foi unha homenaxe á historia compartida entre a Armada e o pobo de Carnota, fortalecendo aínda máis ese vínculo único e especial.





 
 

Comentarios


bottom of page