Carnota celebrará a XII edición da feira ‘Víndemo Ver’ con artesanía, tradición e cultura local
- marialago67
- Mar 21
- 3 min read
Updated: Mar 27
A menos dun mes para a celebración da XII Mostra de Promoción Local Víndemo Ver-Mercado da Deputación.
Hai un par de anos que o Concello de Carnota aposta pola tematización do Víndemo Ver, recuperando parte da historia do municipio. Aquel primeiro ano o evento xirou ao redor das leiteiras que ían vender o leite a Muros; a seguinte edición tiña como tema principal o millo; no 2024 a feira artellouse arredor da pesca e o procesamento da sardiña e este 2025 o mar de ardora será o protagonista.
Os días 17, 18, 19 e 20 de abril, a praza de San Gregorio de Carnota acollerá unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores e creadoras locais, dentro do “Mercado da Deputación”. Ademais destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.
Coma en edicións anteriores, a mostra compleméntase cunha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e recreativas para todos os públicos.
O evento dará comezo o xoves 17, ás 17:00 h, co acto de inauguración e unha charla-coloquio sobre o mar de ardora no salón de plenos do Concello, da man de Ana García (fotoperiodista de La Voz de Galicia), Francisco Rodríguez Hernández (investigador no Centro Oceanográfico de Vigo) e Julio Canosa Marcote (de embarcación Fish-Terra).
O venres 18 de marzo será a XII BTT, con saída ás 09:30 h dende o pavillón de Carnota. As inscricións permanecerán abertas en cronotec.es dende o 24 de marzo ao 15 de abril.
Paralela a XII Ruta BTT, terá lugar unha mini Btt de aproximadamente 5km para a rapazada que queira seguir os pasos dos grandes ciclistas e, ademais, a IV Xincana de bicicletas infantil que estará instalada no pavillón de Carnota dende ás 10:00h ata ás 13:00 h. Non esquezades traer a vosa propia bicicleta e o voso casco.
Como xa vén sendo habitual, a programación inclúe unha andaina temática. A ruta elixida este ano é “Andar ao mar”, que transcorre dende o faro de Lariño ata Carnota, cun percorrido lineal de arredor de 13 km. Será o sábado 19 de abril e a saída terá lugar ás 09:30 h, dende a praza San Gregorio de Carnota. O traslado ata o punto de inicio da ruta realizarase en bus e o percorrido transcorrerá na súa gran maioría por beiramar e por antigos camiños de andar ao mar. As inscricións poderán realizarse en cronotec.es dende o 24 de marzo ao 15 de abril.
Haberá, ademais, innumerables actividades lúdicas para a rapazada, como xogos tradicionais, obradoiros de cerámica e cestería, etc. Tamén haberá actuacións culturais e música tradicional para amenizar o ambiente, a cargo da Banda de Gaitas Longarela e da Agrupación Musical Chan de Lamas, así como música e baile tradicional co Rancho de Cabezudos de Ximiela.
E para amenizar as noites haberá concertos. O xoves 17, ás 22:00 h, actuará Chiña. O venres 18 ás 22:00 h, serán os concertos de Juan do Tractor e de Los Lunes al Sol, con versións dos anos 80 e 90 á actualidade. A última noite de concertos será o sábado 19 de marzo, con 9Louro e Xurxo Fernandes.
Durante os catro días, poderase visitar na carpa grande, no posto do Concello de Carnota – Deputación da Coruña a exposición de fotografías “Os segredos do mar de ardora” de Ana García (fotoperiodista de La Voz de Galicia) e a exposición de técnicas e aparellos de pesca do s. XX “Alma mariñeira en Carnota”.
Descarga o tríptico

コメント