O pasado venres 15 de abril arrancaba a IX edición do VÍNDEMO VER en Carnota. As rúas transportábannos aos primeiros do século XX e comezaba o día coa tan esperada proba BTT. Máis de 250 participantes percorreron os montes de Carnota desfrutando dun fantástico día e dunhas vistas de luxo.
Paralelamente á proba BTT tiña lugar unha xincana de bicis para a rapazada.
Ás 11:00 abríanse as portas do “Mercado da Deputación” cun amplo abano de produtos de artesanía e produtos ecolóxicos e de proximidade. Os/as que se achegaron á feira puideron ver e comprar cerámica, complementos feitos en coiro, cestos, encaixe, libros, doces, xeados e patés, entre outros.
O deputado de promoción económica, Blas García, non faltou á cita e visitou a feira xunto con Rafael Díaz, xefe de servizo da área de Promoción Económica da Deputación Provincial da Coruña e Sofía Agrafojo, técnica de proxectos. Blas García e Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, acompañaron ao alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e á tenente alcalde, Merche Noceda na entrega de premios da BTT.
Pola tarde a rapazada e os/as non tan rapaces/zas desfrutaron de xogos tradicionais mentres tiña lugar a presentación do libro “O mergullador atlántico ” de Fernando Patricio Cortizo.
Logo chegaría a representación do camiño das leiteiras e unha foliada da man da Agrupación Folclórica Ximiela que protagonizou ademais a sección “A festa oculta” do programa “Vin polo aire” da Televisión de Galicia.
A noite remataba co espectáculo de narración oral “Contos de vellas”, da man de Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín, e o concerto de Pablo Balseiro.
O sábado tivo lugar a andaina polo “Camiño das Leiteiras” onde arredor de 150 participantes reviviron o camiño que as mulleres de Carnota acostumaban facer para ir vender o leite á vila ou trocalo por outros produtos que non tiñan en Carnota. Durante o percorrido houbo algunha que outra sorpresa como fotocol con vistas á praia de Carnota, onde a xente se puido caracterizar e mesmo poñer unha leiteira na cabeza, ou lavar no lavadoiro de Vilar de Carnota e poñer a roupa ao clareo mentres a Agrupación Ximiela de Louro cantaba cancións populares.
Entre tanto, a rapazada gozaban na feira da ludoteca de xogos populares “Eira Xandobeleira” e dun “Obradoiro de Xoguetoloxía”. A diversión para a xente miúda continuaba á tarde cunha “Busca do tesouro”.
Á media tarde foi a quenda da Agrupación Coral Chan de Lamas de Quilmas, seguida da Charanga Santa Compaña que tiveron unha grande acollida e animaron os alí presentes.
Pola noite, e xa para rematar a xornada do sábado, estivo “De Vacas” en concerto e, como colofón, “A Banda da Balbina”.
Durante toda a feira acompañáronnos con música ambiente os Gaiteiros de San Mamede.
Todo aquel/a que visitou o Víndemo Ver tivo a oportunidade de ver as dúas exposicións que permaneceron durante toda a feira no posto do Concello de Carnota-Deputación da Coruña, “A Lembranza das raíces” de bonecas con traxes tradicionais de Ximiela e “A Carnota de antano” de fotografías antigas.
Comments