MIRADOIROS
AOS PÉS DO CEO
En Carnota atopamos dous dos miradoiros máis impresionantes da Costa da Morte. Desde estes enclaves estratéxicos é posible contemplar panorámicas infinitas que impresionan pola súa beleza. O miradoiro de Louredo é unha parada obrigada para todos os visitantes, pois desde aquí pódese contemplar unha das paisaxes máis fermosas de Galicia. O miradoiro de Lira asómase a unhas vistas espectaculares da praia de Carnota e do monte Pindo. Ambos contan cunha área de descanso con mesas e bancos onde facer unha agradable pausa.
MIRADOIROS
Miradoiro de Louredo
Miradoiro de Lira
Bico do Santo
Miradoiro de Louredo
O miradoiro de Louredo, situado na estrada que une San Mamede e As Paxareiras, é unha das paradas obrigadas para quen visite Carnota.
​
Debido á súa localización estratéxica, dende este miradoiro pódese gozar dunha das paisaxes máis fermosas de Galicia, coa praia de Carnota, as marismas de Caldebarcos e o monte Pindo como protagonistas. Ademais deste conxunto, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC), tamén se poden apreciar as parroquias de Lira, Carnota e San Mamede e Fisterra ao fondo.
​
Este espazo conta cunha serie de bancos en forma de media lúa, situados en primeira liña, con vistas ao Atlántico, así como cunha área axardinada con mesas e bancos e distintos paneis informativos con información sobre a contorna. Ocupando o espazo central atópase a obra de Nando Lestón, “Segunda Pel”, formada por un conxunto de árbores queimadas do Monte Pindo, pintadas e decoradas polo artista co fin de darlles unha segunda vida.
Miradoiro de Lira
O miradoiro de Lira é o primeiro miradoiro que atopamos ao entrar na Costa da Morte polo sur. Igual que o miradoiro de Louredo, conta cunhas fantásticas vistas da praia de Carnota e do monte Pindo, das parroquias de Lira, Carnota e San Mamede e de Fisterra ao fondo, pero dende outra perspectiva. Dende o miradoiro de Lira pódense apreciar tamén o faro de Lariño e o litoral rochoso que une as parroquias de Lariño e Lira, que constitúe ademais a primeira reserva mariña de Galicia.
​
O miradoiro está integrado na contorna e conta con unha varanda de protección de pedra e un telescopio. Nas inmediacións atópanse unha área de descanso con mesas de pedra e bancos e un espazo deseñado polo escultor Xosé Cernadas, con réplicas dalgúns dos petróglifos da zona.
​
O miradoiro está debidamente sinalizado dende a estrada AC-550, á altura de Lira. O acceso faise a través dunha estrada secundaria de dobre sentido, que nalgún dos seus tramos se estreita.
Bico do Santo
O acceso ao Bico do Santo faise seguindo unha pequena ruta que comeza en Lamas de Castelo.
No cumio do Bico do Santo atópase unha cruz de canteiría de 3 metros construída en 1935 por Domingo Otero Rama, veciño de Pedrafigueira cunha placa de mármore co seguinte texto:
“Cruz Santo, signo de redención, trono do sol
de xustiza e amor, chave eficaz para abrir as
portas dos ceos e esperanza segura de vida
e felicidade eterna. Eu adórote.
Domingo Otero Rama (1935)"
Algúns autores sitúan tamén no cumio, unha pequena fortaleza ou torre de vixía durante o S.X onde posteriormente foi construída, sobre as súas ruínas, unha capela de reducidas dimensións coa advocación a San Sebastian derruída anos despois polas tropas napoleónicas.
​